Amosando publicacións coa etiqueta #educacioninfantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #educacioninfantil. Amosar todas as publicacións

01 setembro 2023

A vide

Estamos, outro ano, en tempo de vendima
Para saber máis sobre as vides, uvas, traballo, zonas... picade na imaxe 


10 xullo 2023

A pizza

Aproveitamos que se celebra o día mundial da pizza para ver este video e reflexionar sobre o despilfarro de alimentos
                                 

23 xuño 2023

O cacho

No solsticio de verán, cómpre recoller as herbas aromáticas coas que axotaremos os espíritos maléficos das nosas casas.
Meterémolas nunha tina con auga e deixarémolas ao orballo pola noite.
Pola mañanciña lavaremos a cara con elas para ter finura na pel e curar os aires lurpios!

Aínda que as plantas varían segundo as zonas, velaquí as máis comúns.

         
                         
                        
                                                 

25 maio 2022

Somos magos

Sempre quedamos abraiados cando vemos trucos de maxia. 
Aquí deixamos un video por se a alguén lle interesa practicar

20 maio 2022

As abellas


Para ter todo tipo de información sobre as abellas, picade na imaxe
Hoxe celébrase o Día Mundial das Abellas
(    Fonte da información: Adela Leiro)

07 abril 2022

Día Mundial da Saúde e a Sanidade

 Nestes tempos tan difíciles e nos que valoramos tanto a saúde, hoxe celebramos o Día Mundial da Saude,

Dar as grazas a quen nos coida e coidarnos entre nós, cada día. Construir un mundo máis xusto e saudabel.


21 marzo 2022

Día da Poesía


¡Galicia é infinda! 
Nosa Galicia é máis que toda a terra.
 Non é xa o cativo currunchiño
 que din escolas vellas.
 Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
 ¡Galicia é infinda!
 Bela estrada de ensoño,
 con macadam de estrelas,
 a Vía Latea é camiño
 que leva a Compostela,
 hoxe e outrora faro,
 a cibdade ecuménica
 que alumeóu, na Europa,
 trebas da Edade Meia.

(De Florencio Delgado. Letras Galegas 2022)

12 marzo 2022

Plantar unha flor

 No calendario de días raros aparece hoxe como o Día de plantar unha flor. Para plantar unha flor sempre é un bo día pero lembremos o básico. Sementar, coidar, auga, sol e aí está.


Anímaste?
Cal é a túa flor favorita?
Sabias que podemos facer perfumes coas flores?

Cómo facer colonia de lavanda
1/2 taza de lavanda (follas e flores)
70 ml. de alcohol
50 ml. de auga destilada
1 frasco pulverizador
1 filtro de café
1 morteiro

Elaboración
Machucamos ben a lavanda coa axuda dun morteiro.
Unha vez ben machucada introducímola no frasco.
Cubrímola co alcohol, tapamos o frasco e deixamos reposar 5 minutos.
Pasado este tempo, abrimos e introducimos a agua.
Pechamos de novo o frasco e axitámolo á modo, lentamente, durante un par de minutos.
Deixamos reposar durante 15 días nun lugar fresco e escuro, axitándoo cada día uns 30 segundos.
Pasados os 15 días pasamos a mestura polo filtro de café, espreméndoo ben.
Envasamos e xa temos lista a nosa colonia de lavanda.
(Só se pode facer en compañía de adultos)


11 marzo 2022

Calendario Competencial

De novo este ano, a Deputacion de Pontevedra publica uns calendarios competenciais tanto para infantil como primaria con actividades sans e entretidas para cada día.

(Para descargalos, picade nas imaxes)

Educación Infantil


Educación PRIMARIA


02 febreiro 2022

A Candeloria, día dos namorados en Galicia

Hai un refrán que dí "Pola Candeloria, cásanse os paxariños e maila galiñola".
Nas antigas costumes galegas, ese día, era o día do amor.
O día 2 de febreiro celébrase o día Candeloria que ten orixe nos cultos pagáns e que acabou sendo cristianizado. Era a antiga festa da luz celebrada polos celtas (Brigantia) e tamén polos romanos (Lupercales).
O nome Brigantia deriva de Brighid o Brigid, deusa celta moi poderosa. Era a figura da nova lúa, da primavera anual e das correntes mariñas. Esta época do ano, era das purificacións e do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a fertilidade e o espertar do sol, despois do frío e gris inverno.
Os ritos de predicción e matrimonio celebrábanse nestas datas baixo a protección dos espíritos benéficos que visitaban a terra durante esta festividade.
Considerábase o remate do inverno, o festival de purificación para preparar o camiño para o retorno da primavera e do sol. Brighid era honrada, poñendo unha candea en cada habitación ou en cada fiestra da casa.
Co paso do tempo e a mestura da cultura celta co cristianismo, esta festa do lume será homologada na celebración da Candeloria ou festa das Candeas.
O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas. Esta purificación virxinal e as candeas eran o antídoto cristián para a fertilidade romana e os fachos “lupercales”.
En Galicia non só era moi celebrada esta festa dentro do relixioso, senón que, no ámbito agrario, se celebraba o “casamento dos paxariños” . Di un refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”.

04 xaneiro 2022

O sistema Braille


A data de 4 de xaneiro lembra o nacemento de Louis Braille, o creador do sistema de lectura e de escritura Braille, que permite a través do tacto facilitar a vida das persoas invidentes e a súa integración na sociedade.
Louis Braille quedou cego aos 3 anos de idade e aos 20 anos conseguiu formar un alfabeto con diferentes combinacións de 1 a 6 pontos que se espallou polo mundo e que aínda hoxe é usado como forma oficial de escritura e de lectura das persoas cegas.
Libros, folletos, medicamentos, cd's, dvd's, son algúns exemplos de produtos con impresión en Braille para facilitar a percepción do contido.
O Braille está composto por 64 sinais, grabadas en papel en relevo. Estas sinais están combinadas en dúas filas verticais e xustapostas, à semellanza de un dominó ao alto. A lectura faise da esquerda para a dereita.

Actividades

- Intentar facer con punzóns nunha cartolina, un alfabeto braille.
- Escribir e ler unha mensaxe en braille.
- Facer un debuxo dun personaxe do noso conto favorito.
- Unha vez repasados os números en braille, intentar, cos ollos pechados, picar no botón do ascensor segundo o sistema.

(Día Mundial do Braille)

20 decembro 2021

Apalpador

 ¿Quen é este persoeiro?

  
Quen vai ser... O Apalpador!!!

Fai anos. Moitos anos.
Moito antes que Santa Claus ou Papá Noel, en Galicia tiñamos e temos de novo, un pastor máxico, grandichón e bondadoso.
Leva pipa, un abrigo verde cheo de remendos, boina e zapatillas con calcetíns de diferente cor.
Vive na devesa das altas montañas do Courel e o Cebreiro. Ao longo do ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres e caza xabaríns.
Na noite de Nadal, baixaba ás aldeas, pobos e cidades para visitar, casa por casa, ós nenos e ás nenas que durmían.
Sen facer ruido apalpáballes as barrigas, sen facerlles cóxegas e despertalos, para saber se os raparigos e raparigas pasaban fame ou estaban ben alimentados.
Decíalles "Así, así esteas todo o ano" e marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.
As meniñas e meniños querían deitarse cedo e en tódalas casas de Galicia pola noitiña, escoitabase o run run:

Voume cedo a durmir,
marcho agora prá camiña
que vai vir o Apalpador
a palparme a barriguiña.


Según me contaron, de fontes fiables, agora o Apalpador ademáis de castañas tamén atende pedidos (xoguetes artesans, contos, obxectos de refugallo..) da crialla e seica con bastante dilixencia.
Así que este ano decidín que o 24 pola noitiña, voulle deixar ao Apalpador enriba da mesa, un bol de leite quentiña con mel e unhas rosquillas por si necesita coller forzas para repartir tódolos encargos ó longo da noite.
Boh! Está ben!

Engadido...

Nas Terras de Trives o Apalpador chamábase o Pandigueiro.

Os nenos e nenas tiñan que durmir pedíndolle cun retrouxiño, que lles trouxera "leitiña con purgazos", esto é leite con castañas secas cocidas.
Ademais esperábase do Pandigueiro que deixara tamén figuriñas, xoguetiños, talladas na madeira cocida do amieiro.
Consérvase a tradición de dicirlle os nenos "vou cheirarche a barriga,
pándega ou o bandullo e vou saber o que comiches"

CARTA Ó PANDIGUEIRO

Pandigueiro na noitiña
pandigueiro venme axiña
que compre ben quentiña
uns purgazos na leitiña

Da cabeza grande baixa pandigueiro
ven cás lambetadas para os mais pequenos

Cá coroza ó lombo e as chancas nos pés
corre pandigueiro trainos de comer

Sae da túa cova, achégate a min
e cunha manciña tocarasme ti.

Unha apalpadiña cando esté a durmir
e o meu bandulliño comeza a sorrir

Pasarei a noite soñando contigo
pola mañanciña busco o regaliño

Enriba da mesa ben colocadiño
castañas cocidas en leite fervido

Pandigueiro na noitiña
Pandigueiro venme axiña
Que compre ben quentiña
Uns purgazos na leitiña