02 febreiro 2022

A Candeloria, día dos namorados en Galicia

Hai un refrán que dí "Pola Candeloria, cásanse os paxariños e maila galiñola".
Nas antigas costumes galegas, ese día, era o día do amor.
O día 2 de febreiro celébrase o día Candeloria que ten orixe nos cultos pagáns e que acabou sendo cristianizado. Era a antiga festa da luz celebrada polos celtas (Brigantia) e tamén polos romanos (Lupercales).
O nome Brigantia deriva de Brighid o Brigid, deusa celta moi poderosa. Era a figura da nova lúa, da primavera anual e das correntes mariñas. Esta época do ano, era das purificacións e do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a fertilidade e o espertar do sol, despois do frío e gris inverno.
Os ritos de predicción e matrimonio celebrábanse nestas datas baixo a protección dos espíritos benéficos que visitaban a terra durante esta festividade.
Considerábase o remate do inverno, o festival de purificación para preparar o camiño para o retorno da primavera e do sol. Brighid era honrada, poñendo unha candea en cada habitación ou en cada fiestra da casa.
Co paso do tempo e a mestura da cultura celta co cristianismo, esta festa do lume será homologada na celebración da Candeloria ou festa das Candeas.
O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas. Esta purificación virxinal e as candeas eran o antídoto cristián para a fertilidade romana e os fachos “lupercales”.
En Galicia non só era moi celebrada esta festa dentro do relixioso, senón que, no ámbito agrario, se celebraba o “casamento dos paxariños” . Di un refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”.