¿Quen é este persoeiro?
Quen vai ser... O Apalpador!!!
Fai anos. Moitos anos.
Moito antes que Santa Claus ou Papá Noel, en Galicia tiñamos e temos de novo, un pastor máxico, grandichón e bondadoso.
Leva pipa, un abrigo verde cheo de remendos, boina e zapatillas con calcetíns de diferente cor.
Vive na devesa das altas montañas do Courel e o Cebreiro. Ó longo do ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres e caza xabaríns.
Na noite de Nadal, baixaba ás aldeas, pobos e cidades para visitar, casa por casa, ós nenos e ás nenas que durmían.
Sen facer ruido apalpáballes as barrigas, sen facerlles cóxegas e despertalos, para saber se os raparigos e raparigas pasaban fame ou estaban ben alimentados.
Decíalles "Así, así esteas todo o ano" e marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.
As meniñas e meniños querían deitarse cedo e en tódalas casas de Galicia pola noitiña, escoitabase o run run:
Voume cedo a durmir,
marcho agora prá camiña
que vai vir o Apalpador
a palparme a barriguiña.
Según me contaron, de fontes fiables, agora o Apalpador ademáis de castañas tamén atende pedidos (xoguetes artesans, contos, obxectos de refugallo..) da crialla e seica con bastante dilixencia.
Así que este ano decidín que o 24 pola noitiña, voulle deixar ó Apalpador enriba da mesa, un bol de leite quentiña con mel e unhas rosquillas por si necesita coller forzas para repartir tódolos encargos ó longo da noite.
Boh! Está ben!
Tamén lle deixo unha notiña pedíndolle por favor (eso sí) unha axenda para o novo ano e anotar tódolos traballos que imos facer o alumnado de 6º e máis eu. ;)
Engadido...
Nas Terras de Trives o Apalpador chamábase o Pandigueiro.
Os nenos tiñan que durmir pedíndolle cun retrouxiño, que lles trouxera "leitiña con purgazos", esto é leite con castañas secas cocidas.
Ademais esperábase do Pandigueiro que deixara tamén figuriñas, xoguetiños, talladas na madeira cocida do amieiro.
Consérvase a tradición de dicirlle os nenos "vou cheirarche a barriga,
pándega ou o bandullo e vou saber o que comiches"
CARTA Ó PANDIGUEIRO
Pandigueiro na noitiña
pandigueiro venme axiña
que compre ben quentiña
uns purgazos na leitiña
Da cabeza grande baixa pandigueiro
ven cás lambetadas para os mais pequenos
Cá coroza ó lombo e as chancas nos pés
corre pandigueiro trainos de comer
Sae da túa cova, achégate a min
e cunha manciña tocarasme ti.
Unha apalpadiña cando esté a durmir
e o meu bandulliño comeza a sorrir
Pasarei a noite soñando contigo
pola mañanciña busco o regaliño
Enriba da mesa ben colocadiño
castañas cocidas en leite fervido
Pandigueiro na noitiña
Pandigueiro venme axiña
Que compre ben quentiña
Uns purgazos na leitiña