25 maio 2022

Somos magos

Sempre quedamos abraiados cando vemos trucos de maxia. 
Aquí deixamos un video por se a alguén lle interesa practicar

20 maio 2022

As abellas


Para ter todo tipo de información sobre as abellas, picade na imaxe
Hoxe celébrase o Día Mundial das Abellas
(    Fonte da información: Adela Leiro)

07 abril 2022

Día Mundial da Saúde e a Sanidade

 Nestes tempos tan difíciles e nos que valoramos tanto a saúde, hoxe celebramos o Día Mundial da Saude,

Dar as grazas a quen nos coida e coidarnos entre nós, cada día. Construir un mundo máis xusto e saudabel.


21 marzo 2022

Día da Poesía


¡Galicia é infinda! 
Nosa Galicia é máis que toda a terra.
 Non é xa o cativo currunchiño
 que din escolas vellas.
 Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
 ¡Galicia é infinda!
 Bela estrada de ensoño,
 con macadam de estrelas,
 a Vía Latea é camiño
 que leva a Compostela,
 hoxe e outrora faro,
 a cibdade ecuménica
 que alumeóu, na Europa,
 trebas da Edade Meia.

(De Florencio Delgado. Letras Galegas 2022)

12 marzo 2022

Plantar unha flor

 No calendario de días raros aparece hoxe como o Día de plantar unha flor. Para plantar unha flor sempre é un bo día pero lembremos o básico. Sementar, coidar, auga, sol e aí está.


Anímaste?
Cal é a túa flor favorita?
Sabias que podemos facer perfumes coas flores?

Cómo facer colonia de lavanda
1/2 taza de lavanda (follas e flores)
70 ml. de alcohol
50 ml. de auga destilada
1 frasco pulverizador
1 filtro de café
1 morteiro

Elaboración
Machucamos ben a lavanda coa axuda dun morteiro.
Unha vez ben machucada introducímola no frasco.
Cubrímola co alcohol, tapamos o frasco e deixamos reposar 5 minutos.
Pasado este tempo, abrimos e introducimos a agua.
Pechamos de novo o frasco e axitámolo á modo, lentamente, durante un par de minutos.
Deixamos reposar durante 15 días nun lugar fresco e escuro, axitándoo cada día uns 30 segundos.
Pasados os 15 días pasamos a mestura polo filtro de café, espreméndoo ben.
Envasamos e xa temos lista a nosa colonia de lavanda.
(Só se pode facer en compañía de adultos)


11 marzo 2022

Calendario Competencial

De novo este ano, a Deputacion de Pontevedra publica uns calendarios competenciais tanto para infantil como primaria con actividades sans e entretidas para cada día.

(Para descargalos, picade nas imaxes)

Educación Infantil


Educación PRIMARIA


02 febreiro 2022

A Candeloria, día dos namorados en Galicia

Hai un refrán que dí "Pola Candeloria, cásanse os paxariños e maila galiñola".
Nas antigas costumes galegas, ese día, era o día do amor.
O día 2 de febreiro celébrase o día Candeloria que ten orixe nos cultos pagáns e que acabou sendo cristianizado. Era a antiga festa da luz celebrada polos celtas (Brigantia) e tamén polos romanos (Lupercales).
O nome Brigantia deriva de Brighid o Brigid, deusa celta moi poderosa. Era a figura da nova lúa, da primavera anual e das correntes mariñas. Esta época do ano, era das purificacións e do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a fertilidade e o espertar do sol, despois do frío e gris inverno.
Os ritos de predicción e matrimonio celebrábanse nestas datas baixo a protección dos espíritos benéficos que visitaban a terra durante esta festividade.
Considerábase o remate do inverno, o festival de purificación para preparar o camiño para o retorno da primavera e do sol. Brighid era honrada, poñendo unha candea en cada habitación ou en cada fiestra da casa.
Co paso do tempo e a mestura da cultura celta co cristianismo, esta festa do lume será homologada na celebración da Candeloria ou festa das Candeas.
O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas. Esta purificación virxinal e as candeas eran o antídoto cristián para a fertilidade romana e os fachos “lupercales”.
En Galicia non só era moi celebrada esta festa dentro do relixioso, senón que, no ámbito agrario, se celebraba o “casamento dos paxariños” . Di un refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”.

04 xaneiro 2022

O sistema Braille


A data de 4 de xaneiro lembra o nacemento de Louis Braille, o creador do sistema de lectura e de escritura Braille, que permite a través do tacto facilitar a vida das persoas invidentes e a súa integración na sociedade.
Louis Braille quedou cego aos 3 anos de idade e aos 20 anos conseguiu formar un alfabeto con diferentes combinacións de 1 a 6 pontos que se espallou polo mundo e que aínda hoxe é usado como forma oficial de escritura e de lectura das persoas cegas.
Libros, folletos, medicamentos, cd's, dvd's, son algúns exemplos de produtos con impresión en Braille para facilitar a percepción do contido.
O Braille está composto por 64 sinais, grabadas en papel en relevo. Estas sinais están combinadas en dúas filas verticais e xustapostas, à semellanza de un dominó ao alto. A lectura faise da esquerda para a dereita.

Actividades

- Intentar facer con punzóns nunha cartolina, un alfabeto braille.
- Escribir e ler unha mensaxe en braille.
- Facer un debuxo dun personaxe do noso conto favorito.
- Unha vez repasados os números en braille, intentar, cos ollos pechados, picar no botón do ascensor segundo o sistema.

(Día Mundial do Braille)